A Biblioteca Municipal de Ribadeo, de nome Biblioteca El Viejo Pancho, está situada no lugar coñecido como O Patín (na rúa Antonio Otero, 17) e consta de dous andares.
- No andar baixo é onde se atopa a Sala de Lectura Xeral (con 24 postos para nenos/as e 40 para persoas adultas), o fondo local, o fondo de literatura antiga, o fondo antigo de outras materias, a hemeroteca e o depósito.
- No primeiro andar atópase a Sala Gamallo Fierros, a Sala Iberoamericana e a Sala de Informática (con 5 terminais de wiffi).
A historia
A Biblioteca 'El viejo Pancho' é unha das principais institucións culturais da vila e tomou o seu nome actual (pseudónimo do escritor local José María Alonso Trelles y Jarén) en 1957, cando se refundiu e ampliou a que existía dende 1941 e cuxa orixe estaba na unión dos fondos das bibliotecas creadas por vellas sociedades culturais ribadenses, como a do Ateneo, de 1915, ou a Biblioteca Popular Circulante, de 1927.
Na creación de no coidado de todas estas bibliotecas participaran no seu momento destacados intelectuais, como os fundadores do Ateneo (Manuel Margolles Déspora, Francisco Lanza Álvarez, Camilo Cancio Quindós e Amancio Pérez Martínez) ou os que lle deran vida á Biblioteca Popular Circulante (Gregorio Sanz García, Amando Suárez Couto e Camilo Barcia Trelles). Entre os artífices da refundación de 1957 estaban Dionisio Gamallo Fierros, Justo Barreiro Martínez, Amando Suárez Couto, Daniel Cortezón Álvarez ou Domingo Rodríguez Fernández.
A Biblioteca Municipal pasou por diferentes locais no período no que aínda non tiña o carácter de centro oficial do Concello. Despois da Guerra Civil ocupara o vello local do Ateneo na rúa San Francisco, de seguido os baixos do Pazo de Ibáñez e, en 1957, instalouse na Torre dos Moreno para pasar, en 1996, ao seu actual emprazamento na Casa da Cultura.
Recentemente engadiuse aos seus fondos unha valiosa doazón, a biblioteca persoal do profesor e publicista Dionisio Gamallo Fierros.
Os fondos
A Biblioteca Municipal dispón na actualidade, e sen incluír o fondo de Dionisio Gamallo Fierros (aínda sen catalogar), dun total de
29.522 volumes. Este fondo pode consultarse a través de internet na web da
Rede de Bibliotecas de Galicia e distribúese do seguinte xeito:
- Fondo xeral: distribuído entre a sala de lectura e outras salas. É o máis numeroso e reúne documentos sobre materias moi diversas.
- Fondo antigo: aquí está nos libros con data de publicación anterior a 1959. En algúns casos a súa utilización está restrinxida para o servizo de préstamo.
- Fondo local: recolle libros escritos ou ilustrados por autores ribadenses de nacemento ou adopción así como libros ou publicacións sobre temática local. Os fondos da hemeroteca tamén forman parte del.
- Sección infantil e xuvenil: libros clasificados por idades e materias. Préstaselle especial atención con continuas adquisicións de novidades.
- Sección galega: comprende libros de autores galegos e obras sobre Galiza escritas tanto en galego como en español.
- Sala de Iberoamérica: con obras que ou proceden de diversos países latinoamericanos ou tratan sobre eles. Os relacionados con Uruguai teñen un lugar destacado dentro deste fondo.
- Obras de referencia: con enciclopedias, diccionarios e anuarios.
- Materiais especiais: obras en formatos de vídeo, DVD, CD-Rom... de incorporación recente á biblioteca.
- Libros con dedicatoria do/a autor/a: neste espazo atópanse, entre outros moitos, exemplares de Cunqueiro, Fole, Cabanillas, Dámaso Alonso, Cela...
A hemeroteca
Ribadeo é un dos municipios máis relevantes de Galiza no que a produción xornalística respecta, un feito que se reflicte na riqueza dos fondos que contén a hemeroteca municipal. Nela, reúnense publicacións locais de carácter periódico entre as que merecen especial mención, polo número de exemplares conservados, os semanarios
Las Riberas del Eo,
La Comarca e a súa continuación
La Comarca del Eo. Destes, podería dicirse que se conservan practicamente as coleccións completas desde o ano 1957 ao tempo que, nos últimos meses e grazas á colaboración veciñal, aumentou o número de orixinais ou copias de exemplares de outros anos.
Outras publicacións que se poden consultar, aínda que xa en menor número, son
El Ribadense,
Bandera Católica,
El Eo,
El Radical del Eo ou
El Pequeño Escolar. Tamén é posible atopar nela programas das festas patronais, desde os máis antigos aos máis recentes ou coleccións xa completas de xornais e revistas como
Beiramar,
Novo Amencer,
Orballo,
KM0,
Xerfa e os suplementos de
O Progreso e
La Voz de Galicia dedicados á Mariña.