CELÉBRANSE A VINDEIRA SEMANA NO CINE TEATRO
As quintas xornadas formativas sobre abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local desenvolveránse no Cine Teatro os días 20 e 21 de abril. Este ano abordarán Violencias simbólicas, violencias invisibles. Varios expertos abordarán durante dous días cuestións coma o acoso sexual no ámbito laboral, a desigualdade ou o impacto da violencia da saúde nas mulleres, entre outras. As xornadas foron presentadas este mediodía no Concello de Ribadeo.
A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que "desde o Centro de Información á Muller e desde a comisión interinstitucional de violencia de xénero, onde están implicados todos aqueles profesionais do noso concello que traballan en aspectos relacionados coa prevención da violencia de xénero e na atención ás víctimas, anunciamos a quinta edición das xornadas formativas deste ano. A temática que se abordará será Violencias simbólicas, violencias invisibles e terán lugar no Cine Teatro os días 20 e 21 de abril".
Os/as interesados/as en participar poden inscribirse ata o vindeiro 19 de abril no CIM de Ribadeo ou chamando ao teléfono 982 120 739. A inscrición é gratuita. Álvarez Lastra dixo que "en calquera edificio administrativo do noso Concello poderán atopar información sobre estas xornadas e tamén nos Concellos limítrofes. As xornadas son totalmente abertas e gratuitas".
A edil de Igualdade indicou que "a temática que se abordará este ano debe estar aberta a toda a cidadanía en xeral. Convidamos a pais, nais, cidadáns de Ribadeo, técnicos especialistas do Occidente de Asturias e da Mariña de Lugo, a que asistan ao Cine Teatro a estas xornadas e a escoitar aquelas charlas que resulten do seu interés".
A concelleira nacionalista explicou que "a temática foi escollida para tratar de analizar a violencia que ás veces é difícil de percibir, pero que está promovida día a día, é dicir que no traballo, na utilización da linguaxe, na publicidade, no uso das redes sociais é onde se pon de manifesto, forma parte das nosas vidas e contribúe a afianzar máis esas desigualdades que existen, que esa violencia se perpetúe e que condicione moito as nosas vidas e que resulte moi difícil poder compartir un futuro en igualdade".
Nas quintas xornadas formativas sobre abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local participarán varios expertos na materia. O día 20 de abril, Francisca Fernández Pol falará sobre o acoso sexual no ámbito laboral e Carlos Lomas García analizará a publicidade, roles e estereotipos e as novas masculinidades. Xa o 21 de abril Goretti Sanmartín Rei falará sobre a utilización da linguaxe sexista, liberdade individual ou discriminación, Ianire Estébanez Castaño centraráse nas redes sociais e os seus usos, Manuel Lopo Lago analizará o impacto da violencia da saúde nas mulleres e Rosa Cobo Bedia falará sobre a desigualdade, unha forma de violencia.

Coñece a oferta cultural e os equipamentos de Ribadeo

Consulta o PXOM e outros documentos de interese urbanístico

Promovemos a economía local e o emprego

Infórmate sobre os servizos sociais que presta o Concello

Axúdanos a conseguir un Ribadeo sen discriminacións

Loitamos pola conservación do noso medio natural
© 2008 Concello de Ribadeo