Ayuntamiento de Ribadeo


Imprimir Enviar

Novas

Foto xunta local seguridade hoxe

HABERÁ MÁIS PRESENZA DE AXENTES NA RÚA

Xunta local de seguridade

06/03/2012

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, pedíulle ao subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, maior coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local para loitar contra a delincuencia no concello. O rexedor ofrecéulle colaboración absoluta da Policía Local á Garda Civil, e subliñou que os axentes locais estarán máis na rúa tanto de día como algunhas noites.

Suárez Barcia dixo que "no Concello somos conscientes de que as taxas de criminalidade non son elevadas, pero sí que son máis elevadas que noutros concellos da zona. Trátase de achegar o hombro entre a Policía Local e a Garda Civil para favorecer que a información flúa e que sirva para coller aos autores dos feitos".

O alcalde de Ribadeo explicóulle ao subdelegado do Goberno "a intención que ten o Concello, tal e como anunciei hai uns días, de que a Policía Local vai estar máis tempo na rúa, vai patrullar máis e vai patrullar máis noites para intentar, de maneira coordinada coa Garda Civil, ter maior presenza  e así de favorecer que os ladróns o pensen dúas veces antes de actuar. E pedínlle ao subdelegado do Goberno no transcurso desta xunta local de seguridade que a Garda Civil estea máis presente en Ribadeo, incluso con axentes de paisano". Fernando Suárez ofreceu "coma sempre, a nosa colaboración absoluta. Hai cousas que se poden mellorar, si ben é certo que hai catro anos cando cheguei á Alcaldía había xuntas locais de seguridade, e que ninguén se moleste, pero no que tiña que ver coa coordinación non valían para moito. Creo que están valendo para moito máis do que valían, pero aínda poderían valer para moito máis. Eu desde o Concello ofrezo colaboración, máis persoal que traballará máis días e máis horas, e coordinados coa Garda Civil. Pídolle ao subdelegado que este incremento non supoña un decremento da Garda Civil na rúa para conseguir que os parámetros de delictos sexan homologables a outros concellos da súa contorna".

A xunta local de seguridade de Ribadeo, a primeira á que asiste nun concello o novo subdelegado do Goberno en Lugo, prolongóuse por espazo de máis de hora e media. Un encontro no que se analizaron dúas cuestións: a seguridade en Ribadeo e a adhesión do Concello ao protocolo de coordinación para a protección das víctimas da violencia doméstica e de xénero. Na xunta local de seguridade participaron membros da Policía Local, da Garda Civil de Ribadeo, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Autonómica e do corpo de violencia de xénero da Delegación do Goberno en Galicia.

Ramón Carballo, o subdelegado do Goberno, dixo que "xa existe unha boa colaboración entre a Policía Local e Garda Civil", pero recoñeceu que "se pode mellorar evitando duplicar efectivos na mesma zona esquecendo outras" e que "compartiremos a información que temos, sempre respectando as competencias de cada corpo”. Carballo indicou que “haberá máis presenza policial nas rúas e que haberá xuntanzas periódicas entre a Garda Civil e a Policía Local de Ribadeo para preparar as actuacións a levar adiante, e tamén para coñecer o calendario de traballo polas noites dos axentes locais". O subdelegado lembrou o traballo desenvolvido polas unidades de tráfico coa realización de controis ás entradas e saídas de Ribadeo, e o da unidade da Policía Xudicial "que presta os servizos desde a comandancia e que nos está axudando a esclarecer os delictos e os pequenos hurtos que se están a cometer".

Segundo os datos facilitados este mediodía por Ramón Carballo o índice de delincuencia en Ribadeo é un pouco superior ao doutras zonas da provincia "xa que aquí estamos no 36 por mil cando na provincia está entorno ao 20 por mil". O subdelegado insistiu en que "Ribadeo segue a ser un sitio tranquilo e non temos que alarmar á poboación". En xaneiro deste 2012 foron detidas 6 persoas en Ribadeo pola comisión de diversos delictos. En total no 2010 practicáronse 39 detencións e no 2011 ascenderon a 55. O subdelegado do Goberno sinalou que "o índice de esclarecemento dos feitos está nun 70%".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo